A Xunta quere contratar este ano o proxecto da rede de saneamento en Fontenla

Umia
03 de abril 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou ao alcalde, Carlos Costa, do inicio inmediato desta tramitación para novos sumidoiros na parroquia de Fragas nunha visita aos traballos que se están a acometer en Reboredo e que supoñen um investimento de 362.000 euros

Obras do saneamento en Reboredo, en Campo Lameiro
Obras do saneamento en Reboredo, en Campo Lameiro / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este luns a "inminente" redacción do proxecto para a dotación da rede de saneamento no lugar de Fontenla, pertencente á parroquia de Fragas do Concello de Campo Lameiro.

O representante autonómico informou desta actuación ao alcalde, Carlos Costa, nunha visita aos traballos de saneamento que se están a acometer no lugar de Reboredo desta mesma parroquia e nos que Augas de Galicia está a investir 362.000 euros co financiamento de fondos europeos.

Luis López explicou que a Xunta vai comezar de inmediato coa redacción do proxecto de novos sumidoiros no lugar de Fontenla co obxectivo de contratar as obras neste mesmo ano. 

O rexedor agradeceulle a colaboración e anuncioulle o seu obxectivo de darlle continuidade a esta actuación para o saneamento da parroquia de Fragas cun proxecto conxunto das aldeas de Mullerboa e Cerdeiras.

Ademais, o delegado territorial tamén supervisou os traballos nesta materia que se están a acometer en Reboredo e que beneficiarán aos seus 70 veciños. Ao respecto, explicou que a obra xa superou o 20% da súa execución e prevese que estea rematada no mes de xuño.

O proxecto de saneamento de Reboredo consiste na construción de seis colectores e unha rede de 1.386 metros de canalizacións e tubaxes que permitirá a derivación das augas residuais urbanas das vivendas deste lugar ata a depuradora da Laxe para proceder ao seu posterior tratamento.

"Neste caso de Campo Lameiro trátase dunha obra fundamental para unha contorna que precisa deste servizo e que ten unha execución complexa, pero que está avanzando ben, e un orzamento elevado, polo que facíase necesaria a participación do Goberno galego para atender aos veciños de Reboredo", dixo Luis López. 

"Ademais, imos darlle continuidade a esta infraestrutura na parroquia de Fragas coa colaboración do Concello na redacción do proxecto para Fontenla, polo que creo que respondemos axeitadamente ás necesidades do Concello e dos veciños", sinalou o representante autonómico.