A Xunta ratifica o cesamento de Cores Tourís

Pontevedra
22 de agosto 2016

O delegado territorial da Xunta, do mesmo xeito que outros nove altos cargos do goberno galego que figuran nas listas do PPdeG, cesa das súas funcións para presentarse ás próximas eleccións do 25 de setembro

Alfonso Rueda e José Manuel Cores Tourís, na sede do PP provincial
Alfonso Rueda e José Manuel Cores Tourís, na sede do PP provincial / PontevedraViva

O executivo galego celebrou unha reunión extraordinaria na mañá deste luns, presidida polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, na que aprobou o decreto para que dez altos cargos que se presentan polos populares aos comicios do próximo mes cesen das súas funcións.

Deste xeito, abandona o seu posto o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que ocupa o posto número oito na candidatura do PP na provincia.

Entre outros, tamén cesan nas súas funcións o responsable territorial do goberno galego en Vigo, Ignacio López-Chaves, a directora xeral de Igualdade, Susana López Abella e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen ocupa o postos once, trece e nove, respectivamente, na candidatura pontevedresa.