A Xunta recorre a drons para estudar o tráfico na Lanzada e buscar solución aos atascos

O Salnés
13 de agosto 2018

A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de realizar a recollida de datos para analizar o tráfico na contorna do areal da Lanzada co fin de implantar melloras na fluidez da circulación nas xornadas de praia

Atasco na vía rápida do Salnés
Atasco na vía rápida do Salnés / Mónica Patxot

A Consellería de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), realizou o pasado sábado unha recollida de datos para analizar o tráfico na contorna do areal da Lanzada co obxectivo de implantar melloras na fluidez da circulación nas xornadas de praia.

Esta análise levou a cabo usando dous drons, que sobrevoaron a zona para recoller datos sobre o funcionamento do tráfico en días nos que a contorna rexistra unha elevada afluencia debido ás visitas aos areais.

Esta tecnoloxía permitiu a obtención de imaxes precisas nos puntos conflitivos tanto nos momentos de afluencia á zona de praias como na saída das mesmas.

Este traballo, asegura a Xunta, é paralelo ao estudo de alternativas para o desdobramento da vía de alta capacidade ata O Grove.

Agora, unha vez obtida e avaliada a información, o goberno autonómico pretende decidir que medidas poderían minimizar os atascos que se producen especialmente no verán.