A Xunta salienta o avance nas negociacións co Concello de Pontevedra para reforzar o servizo de transporte público

Pontevedra
27 de novembro 2020

As administracións autonómica e local compartirán a xestión das liñas internas no municipio, asumindo o Concello a parte proporcional do déficit de explotación. Implantarase un esquema de bonificacións máis beneficioso para os usuarios, que será compatible coa futura Área de Transporte de Galicia

Autobús de transporte público
Autobús de transporte público / Mónica Patxot

A Xunta salientou o avance nas negociacións co Concello de Pontevedra para reforzar o servizo de transporte público no municipio e a ampliación de bonificacións nas tarifas para os veciños.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo este venres un encontro de traballo co concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, no que avaliaron o procedemento para compartir a xestión das liñas de transporte público internas no termo municipal, liñas de carácter interurbano que prestan servizos de transporte urbano.

Para isto, implantarase un servizo de interese local no que o Concello de Pontevedra asumirá a parte proporcional do déficit de explotación desas liñas, que suporá unha achega duns 120.000 euros anuais.

Na reunión tamén se abordou a posta en marcha dun esquema de bonificacións máis beneficiosas para os usuarios, para abaratar os billetes, como xa veñen facendo todos os concellos que están integrados nas áreas de Transporte Metropolitano.

Neste caso, o Concello de Pontevedra asumiría os citados descontos, cun investimento 145.000 euros ao ano, mentres que o Goberno galego, pola súa banda, continuaría financiando a totalidade da tarxeta Xente Nova co que os menores de 21 anos viaxan de balde nas liñas de autobús da Xunta.