A Xunta transfire ao Concello de Sanxenxo as beirarrúas da rúa Progreso

Sanxenxo
03 de maio 2018

A Xunta manterá a titularidade dos carrís de circulación que forman a calzada e das beiravías, sendo competencia do concello o resto do dominio público

Feijóo asiste á sinatura do convenio entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo para a humanización da rúa Progreso
Feijóo asiste á sinatura do convenio entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo para a humanización da rúa Progreso / Xunta

O Diario Oficial de Galicia publica este xoves o decreto polo que se aproba a transferencia ao Concello de Sanxenxo das beirarrúas da rúa Progreso, na estrada autonómica PO-308 que comunica Pontevedra con A Lanzada e que atravesa o núcleo urbano de municipio, entre o cruce coa rúa de Madrid e a glorieta de intersección coa PO-504.

A Xunta manterá a titularidade dos carrís de circulación que forman a calzada e das beiravías, sendo competencia do concello o resto do dominio público.

Coa publicación do cambio de titularidade, a consellería de Infraestruturas segue a avanzar na materialización do convenio de colaboración co concello para a remodelación desta rúa que ten un investimento de 2,5 millóns de euros.

A intervención nesta vía mellorará a fluidez do intenso tráfico e incrementará a seguridade, a accesibilidade e a integración urbana da mesma e o seu desfrute polos peóns.

O cambio de titularidade a prol do Concello de Sanxenxo será efectiva dende este venres.