O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou este xoves no Edificio administrativo de Campolongo un depósito que habilitou a Xunta para actuacións relacionadas coa organización dos arquivos xudiciais e o expurgo.
O Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Xustiza, está levando a cabo diversas actuacións para desconxestionar os arquivos xudiciais. Entre estas actuacións destaca a habilitación de novos espazos para o traslado de documentación que xa non é de utilidade para os xulgados por ser procedementos xa finalizados e mentres non se cumpren todos os prazos e procesos para poder eliminar a documentación inservible.
Neste marco de actuacións habilitouse un local en Pontevedra, no edificio da delegación Territorial da Xunta, en Campolongo, de preto de 500 metros cadrados, cunha capacidade aproximada de 25.000 caixas de expedientes.
A este local xa se teñen transferido máis de 20.000 expedientes procedentes dos Xulgados do Social de Vigo e está previsto o próximo traslado de documentación dos Xulgados do Penal olívicos e da Audiencia e os Sociais de Pontevedra. O obxectivo é que antes de setembro estean trasladados máis de 100.000 expedientes a este local.
Ademais de aquí, outra parte da documentación procedente doutros xulgados da provincia se está a gardar nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública, á espera de que a Xunta de Expurgo determine a súa eliminación definitiva ou a conservación naqueles casos nos que esteamos a falar de documentos con interese histórico.
Rueda destacou que o proceso de expurgo é unha firme aposta do actual Goberno e que se está a levar a cabo de xeito progresivo en toda Galicia, sendo a provincia de Pontevedra un dos sitios onde vai máis avanzado.