Arquivos espallados polo chan, almacenados en andeis e en mesas, así se mostran os documentos xudiciais da última década no edificio dos Xulgados da Parda. O persoal apenas ten espazo para moverse entre tanto material que se almacena nos despachos, corredores e lugares de paso. O sindicato Alternativas na Xustiza-Cut presentou un escrito denunciando a falta de espazo e de persoal especializado nos arquivos xudiciais.
Sinalan que non se está cumprindo co Plan de Modernización baseado no Real Decreto de 2003 en que se establecen criterios racionais para a ordenación dos documentos e onde se establece a provisión de locais adecuados para toda a documentación, tanto de material escrito como dixital, que se atopa almacenado en cd's.
Desde o sindicato, Fita Iglesias sinala que falta espazo e persoal técnico especializado en expurgo. Os representantes sindicais aseguran que, nestes momentos, só unha bolseira está a encargarse dos labores de expurgo en todo o edificio xudicial e vese excedida de traballo.
O caso máis grave desta situación de "invasión" de arquivos rexístrase no Xulgado de Primeira Instancia número 2 e no número 5. Nestes departamentos xa non hai espazo para o arquivo dos procedementos do presente ano e as caixas acumúlanse debaixo das mesas dos traballadores. Mesmo se chegou a habilitar un cuarto próximo para almacenar alí a documentación.
O sindicato Alternativas na Xustiza-Cut reclama a dotación de persoal técnico de apoio e de asesoramento aos letrados da Administración de Xustiza para garantir a seguridade no tratamento dos documentos.