A Xunta ultima unha serie de melloras nas instalacións deportivas de Pontillón do Castro

Pontevedra
15 de abril 2016

Ao fío da moción que presentará o PSdeG-PSOE no próximo pleno municipal, instando á Xunta a acometer unha serie de melloras nas instalacións deportivas do Pontillón do Castro, o goberno galego anunciou que está ultimando unha listaxe de necesidades de actuación no complexo

Complexo Deportivo de Pontillón do Castro, en Verducido
Complexo Deportivo de Pontillón do Castro, en Verducido

Ao fío da moción que presentará o PSdeG-PSOE no próximo pleno municipal, instando á Xunta a acometer unha serie de melloras nas instalacións deportivas do Pontillón do Castro, o goberno galego anunciou que está ultimando unha listaxe de necesidades de actuación no complexo.

Os técnicos da Secretaría Xeral para o Deporte consideran que a actuación máis urxente é o reforzo do muro do pantalán, que será executada nas vindeiras datas.

Realizado este investimento, as vindeiras intervencións serán analizadas e avaliadas para a súa futura realización. Basicamente consistirán en actuacións no recinto das oficinas e nos edificios deportivos. 

Todas estas actuacións formarán parte dun plan de investimentos nas instalacións do complexo que será presentado en próximas semanas.

En todo caso, a Xunta recorda que nos últimos tres anos destinou ao complexo náutico e ao campo de regatas 310.000 euros, por medio dun convenio de colaboración coa Federación Galega de Piragüismo.

A este investimento, directamente dirixido ao complexo, engaden as achegas deste departamento autonómico, tamén vía convenio de colaboración coa Federación, á modalidade deportiva do piragüismo, e que ascenden a 719.352 euros no mesmo período de 2014 a 2016.