A xustiza rexeita o recurso de Bricoking contra a ampliación do polígono do Vao

Pontevedra
06 de outubro 2020

A ampliación do polígono do Vao, envolvido desde hai anos nunha complexa tramitación administrativa, resolveu una das dúas trabas que quedaban. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o recurso presentado por Bricoking contra o proxecto

Infografía do proxecto do polígono comercial do Vao
Infografía do proxecto do polígono comercial do Vao

A ampliación do polígono do Vao, envolvido desde hai anos nunha complexa tramitación administrativa, resolveu una das dúas trabas que quedaban. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o recurso presentado por Bricoking contra o proxecto.

A empresa, asentada no actual polígono, recorrera á xustiza para paralizar esta ampliación, impulsada por varios empresarios locais. En concreto, alegaban contra a aprobación en xaneiro de 2017 da modificación puntual do plan urbanístico de Pontevedra.

Aseguraba que non lle permitiron participar neste proceso, a pesar de estar situada nas inmediacións do novo polígono e, por tanto, ter interese en que as súas competidoras non obtivesen vantaxes polo incumprimento da lexislación ambiental, de costas e urbanística.

Con todo, os maxistrados da sección segunda da Sala do Contencioso Administrativo o TSXG consideran que a tramitación administrativa municipal motiva "de maneira prolixa" o interese público do proxecto e avala a ordenación "detallada" do seu desenvolvemento urbanístico.

A sentenza, ademais de confirmar que o proxecto cumpre con toda a lexislación vixente, apunta a que a ampliación do polígono é "viable" e tamén "necesaria" ante a escaseza de chan industrial en Pontevedra.

Engade o alto tribunal galego que o novo polígono permitirá dinamizar o comercio local e crear postos de traballo e destaca que o espazo que ocupará xa estaba clasificado como chan urbanizable, necesitando tan só proxectos de equidistribución e urbanización.

Con este trámite resolvido, os promotores só teñen que cambiar algún detalle do proxecto tras un recente informe de Augas de Galicia sobre a afectación do polígono sobre un regacho que hai na zona. A este respecto, espérase cumprir con este requirimento en breve.

Tras iso, para comezar a construír a ampliación do polígono só quedaría a inscrición dos terreos no rexistro da propiedade e a aprobación definitiva do proxecto en pleno que, segundo a portavoz municipal, Anabel Gulías, será unha cuestión de mero trámite.