A zona azul estará vixente en Arcade a partir do vindeiro 23 de outubro

Soutomaior
09 de outubro 2023

A concelleira Rosana Comesaña desprazouse ata os establecementos locais das estradas nas que se vai regular a zona azul co obxectivo de informar aos comerciantes e repartir os discos da zona azul, para que a veciñanza poida facer uso deles

A concelleira Rosana Comesaña repartiu discos de zona azul entre o comercio local
A concelleira Rosana Comesaña repartiu discos de zona azul entre o comercio local / Concello de Soutomaior

A concelleira de Comercio e Hostalaría, Rosana Comesaña, achegouse na tarde do luns aos establecementos locais da Avenida Xosé Solla, a Estrada de Soutomaior e a rúa Portal do Ribeiro para repartir os discos de  estacionamento en zona azul.

Trátanse das zonas recollidas na ordenanza reguladora do estacionamento con horario limitado gratuíto. O obxectivo do goberno de Soutomaior é que a veciñanza poida recoller directamente nos comercios locais os discos azuis e facer uso deles.

O goberno de Soutomaior leva semanas a traballar para habilitar o antes posible a zona azul nestas estradas de Soutomaior.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, anunciou que a zona azul estará vixente a partir do vindeiro 23 de outubro.

Nestas semanas procedeuse a pintar e sinalizar os aparcadoiros na Estrada de Soutomaior, na rúa Portal do Ribeiro e na Avenida Xosé Solla (só na marxe esquerda subindo por Xosé Solla cara ao Cruce de Pierres). O goberno de Soutomaior tamén levou ao pleno ordinario do pasado mes de setembro unha modificación da ordenanza reguladora da zona azul para unificar o período de estacionamento (que será de 60 minutos) e incluír na ordenanza as prazas habilitadas para persoas con mobilidade reducida.

O alcalde Manu Lourenzo subliñou que a zona azul "axudará a desconxestionar o tráfico e mellorar a mobilidade no núcleo urbano de Arcade".

"Estamos a traballar para favorecer o aparcamento nas zonas comerciais de Arcade, o que a súa vez tamén beneficiará aos establecementos locais de Arcade e dinamizará a economía de Soutomaior no seu conxunto", concluíu o rexedor.