A Zona Monumental prepara unha nova edición de Stock Pontevedra

Pontevedra
08 de xaneiro 2018

Durante os días 2, 3 e 4 de febreiro de 2018, o Recinto Feiral de Pontevedra converterase nun gran centro comercial con 4.500 metros cadrados de exposición. Os organizadores destacan que esta iniciativa ten un público potencial dunhas 20.000 persoas

Feira de oportunidades Stock Pontevedra
Feira de oportunidades Stock Pontevedra / Mónica Patxot

O Centro Comercial Urbano Zona Monumental prepara unha nova edición de Stock Pontevedra, a feira onde os comerciantes expoñen, para a súa venda, toda a súa oferta de oportunidades.

Durante os días 2, 3 e 4 de febreiro de 2018, o Recinto Feiral de Pontevedra converterase nun gran centro comercial con 4.500 metros cadrados de exposición. Os organizadores destacan que esta iniciativa ten un público potencial dunhas 20.000 persoas.

Stock Pontevedra está concibida como unha oportunidade para solucionar os problemas de stock ou tamén "se as últimas campañas de vendas non cumpriron os seus obxectivos, ou se, sinxelamente, o seu establecemento non lle permite levar a cabo unha campaña de rebaixas, como a das grandes superficies comerciais".

Segundo as bases desta convocatoria poderán participar todos aqueles pequenos comercios que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Estar dado de alta no imposto de actividades económicas nalgún dos epígrafes comprendidos no sector de comercio e estar dado de alta no censo de actividades económicas dentro do epígrafe de venda polo miúdo.
  2. Ter establecemento aberto ao público
  3. Poñer á venda os produtos propios do seu establecemento a un prezo ou nunhas condicións máis vantaxosas para os consumidores, quedando a elección do propietario do comercio a porcentaxe de desconto ou oferta que aplica.

 

Todo aquel que non cumpra estes requisitos non poderá participar na feira.

Os asociados ao Centro Comercial Urbano Zona Monumental e AEMPE teñen un 25% de desconto.

Todo aquel que desexe participar ou recibir máis información pode solicitala na oficina do CCU Zona Monumental, Rúa Serra, número 1 baixo. Tamén no teléfono 685896569 ou no correo electrónico [email protected].