A zona verde do Campo da Torre vai converterse nun parque de árbores con hamacas

Pontevedra
25 de agosto 2021

A concellería de Desenvolvemento Sostible traballa no proxecto, cun investimento de 90.000 euros, que inclúe a creación de áreas de descanso e a renovación da fonte, coa instalación de pequenas canles de auga. A zona de lecer infantil contará con xogos de trepa e troncos de madeira de diferentes alturas

Visita de representantes do Concello de Pontevedra ao Campo da Torre
Visita de representantes do Concello de Pontevedra ao Campo da Torre / Concello de Pontevedra

O arquitecto Víctor Hermo é o deseñador do proxecto que transformará a actual zona verde do Campo da Torre, situada no barrio de San Roque, nun parque con árbores e con prioridade para a natureza. 

A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, traballa neste proxecto que inclúe a renovación da fonte actual coa creación de pequenas canles de auga rodeándoa, a creación dun espazo de lecer infantil con estruturas para a escalar e troncos de madeira para o xogo e un espazo de descanso coa dotación de hamacas e cadeiras de madeira.

O tenente de alcalde Tino Fernández e o concelleiro Iván Puentes achegábase este mércores ata a zona acompañados pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, Víctor Hermo e o xefe do servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán. 

A intención é potenciar o parque como un eixo do barrio converténdoo nunha zona accesible, saudable, onde se fomente a socialización e o encontro. Os elementos do parque infantil actual serán cambiados por outros naturais como troncos de distintas alturas que favorezan o xogo imaxinativo e a improvisación favorecendo os retos motrices como saltos, equilibrio ou escalada.

O prazo de execución do proxecto é de tres meses e o investimento previsto alcanza os 90.000 euros coa reforma das instalacións actuais e a dotación dun sistema de iluminación mediante báculos cilíndricos e proxectores desde o chan. A nova zona peonil incluirá un farol por cada banco e na zona de entarimado ancorarase o farol mediante formigón. Está previsto tamén que se establezan dispositivos eléctricos antivandálicos que permitan a conexión de usb para carga de móbiles e outros aparellos electrónicos.