As imaxes falan por si soas. Feridas por todo o corpo, graves mordeduras nas súas patas, danos na dentadura ou numerosas infeccións. Son só algunhas das secuelas físicas que sofre o can que acaba de chegar á protectora de animais dos Palleiros.
Os seus responsables atopáronse con esta desagradable sorpresa este domingo. Un descoñecido deixou ao animal ás portas das instalacións da canceira municipal, en Campañó, nunhas condicións lamentables.
Ao examinar as súas feridas, a veterinaria dos Palleiros comprobou que o can fora obrigado a participar en pelexas, un aspecto que prohibe contundentemente a lexislación española.
Por iso, desde Os Palleiros solicitan a colaboración dos cidadáns para tentar identificar o dono do animal e poder denuncialo ante a Garda Civil.
En todo caso, esperan que o Seprona poida abrir unha investigación de oficio ante a posibilidade de que este tipo de pelexas póidanse estar a celebrar nas inmediacións de Pontevedra.
Ademais, a presidenta deste colectivo, Gloria Cubas, pide o máximo apoio social posible para condenar este tipo de prácticas salvaxes e evitar que se sigan celebrando pelexas onde os animais son forzados a loitar entre si, a miúdo ata a morte dun deles. E todo, por cartos.