Aberta a reserva de lotes da Festa do Carneiro de Moraña para celebrar o xantar de exaltación nas casas

Umia
20 de xuño 2020

A partir deste luns 22 pódense adquirir, previo pago, nas oficinas de Santander, Abanca e Caixabank a un prezo de 300 euros para 20 persoas e 150 eiuros para 10 comensais. O Concello xa elaborou un protocolo de seguridade sanitaria para a celebración dos actos sociais da festa que chega a cincuenta e unha edicións

L Festa do Carneiro ao Espeto en Moraña
L Festa do Carneiro ao Espeto en Moraña / Diego Torrado

A 51 edición da Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña, que se celebrará o 26 de xullo, virá marcada por estritas medidas de seguridade sanitaria, segundo anuncia o  Concello de Moraña. Dentro da programación de actividades, o goberno local anuncia que este luns 22 se abre o prazo para reservar os lotes de comida cos carneiros que se asarán ao aire libre no centro de Santa Lucía durante a xornada festiva.

O prazo permanecerá aberto ata o venres 17 de xullo e aquelas persoas que reserven o seu lote terán que recollelo o domingo 26 de xullo a partir das 13.30 horas para despois degustalo nas súas vivendas particulares. Nesta ocasión, debido á situación sanitaria, non se realizará a tradicional comida de exaltación na  Carballeira de Santa Lucía onde nos últimos anos rexistrábase a presenza de numerosos asistentes.

A alcaldesa Luisa Piñeiro espera que, a pesar das circunstancias, todos os fogares de Moraña compartan o carneiro e leven a cabo, cada un no seu domicilio, a comida máis multitudinaria da historia desta festa con 4.200 veciños unidos a través deste sinal de identidade do municipio.

O lote tradicional, para 20 comensais, continúa cun prezo de 300 euros e inclúe carneiro asado, dúas empanadas, catro  moletes de pan, doce botellas de viño tinto, doce botellas de auga, unha botella de salsa especial e augardente. Como se trata dunha edición especial, tamén se poderá adquirir medio lote, para 10 persoas, cun prezo de 150 euros para adaptarse a familias con menos integrantes. Nestes casos incluirase medio carneiro, cun peso de entre 12 e 14 quilos e unha redución á metade do resto de produtos.

As reservas teñen que realizarse nas sucursais bancarias das entidades financeiras Santander, Abanca e Caixabank. Ao facer o ingreso debe figurar o concepto 'Reserva Lote LI Festa do Carneiro ao Espeto 2020' con nome, apelidos, número de DNI e de teléfono, ademais da dirección postal do domicilio.

O goberno local alerta de que as reservas se atenderán de maneira cronolóxica e o Concello se reserva a posibilidade de adiantar o peche do prazo se se alcanza unha cifra suficiente de pedidos. Para resolver calquera dúbida pódese chamar ao teléfono 986.553.005 do Concello de Moraña entre as 09.00 e as 14.00 horas.

A alcaldesa indica que se elaborou un protocolo de seguridade sanitaria para os actos sociais desa xornada, que avanzará durante os próximos días. Todos os eventos realizaranse ao aire libre, pero con asento. Será preciso retirar un tiquet gratuíto na Casa da Cultura para acceder ás actividades programadas. Os asistentes terán que manter a distancia de 1,5 metros, levar máscara e realizar unha continua hixiene das mans.

O cartel da Festa do Carneiro ao Espeto 2020 corresponde, nesta ocasión, ao autor Rafa Sierra e contempla as  raices desta celebración cun toque "vintage".