Aberta toda a área de Medicina Interna III do Hospital Provincial

Pontevedra
24 de outubro 2017

O colectivo de traballadores dos hospitais de Pontevedra, Prosagal, denunciara o peche deste espazo provocando que o persoal rotara por diferentes unidades e que os pacientes tiveran que permanecer noutras unidades sanitarias

Escalinata de acceso ao Hospital Provincial
Escalinata de acceso ao Hospital Provincial / Cristina Saiz

Na tarde deste luns 23 abríase a totalidade do servizo de Medicina Interna III do Hospital Provincial de Pontevedra. A área sanitaria atopábase pechada a pesar de que a xerencia dos hospitais públicos da cidade comprometeuse a abrila o 1 de outubro, segundo denuncia o colectivo de traballadores dos centros sanitarios, Prosagal. 

Tras as demandas de Prosagal, hai unha semana abríase unha das ás deste departamento e nas últimas horas producíase a reapertura de todo o servizo. 

Segundo o colectivo Prosagal, con esta decisión os traballadores recuperan o seu dereito laboral a non rotar cada día por outras unidades sanitarias e ademais se evita que os usuarios ao ser ingresados sexan trasladados a outros departamentos. Con esta medida, as representantes sindicais entenden que se axuda a desconxestionar o servizo de Urxencias.