Aberta unha nova convocatoria para financiamento de proxectos ligados ao mar

Pontevedra
10 de febreiro 2022

Estas axudas chegan da man do Galp Ría de Pontevedra. O prazo de solicitude está aberto ata o 28 de febreiro

O sector pesqueiro é estratéxico na economía galega
O sector pesqueiro é estratéxico na economía galega / Xunta de Galicia

Xa está aberta a derradeira convocatoria de axudas do GALP Ría de Pontevedra con cargos ao remanente dos fondos do período 2014 – 2020, prorrogado ata 2022. O prazo de solicitude remata o vindeiro 28 de febreiro de 2022.

A convocatoria de axudas está aberta a particulares, empresas, entidades e asociacións interesadas en desenvolver proxectos e actividades vinculados ao mar. En concreto, o GALP ofrece liñas de financiamento para iniciativas relacionadas co patrimonio cultural, o medio ambiente ou a posta en valor do produto do mar pertencentes aos concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño.

AS AXUDAS

Os proxectos de empresas e autónomos poderán conseguir ata o 50 % do financiamento do seu investimento, que pode chegar ata o 80% para proxectos vinculados á pesca costeira artesanal. Pola súa banda, nos proxectos non produtivos con finalidades non económicas, que cumpran determinados requisitos, a axuda pode ser do 100 % da subvención.

A través destas axudas, o GALP Ría de Pontevedra apoiou nos últimos anos proxectos do máis diverso, desde melloras en instalacións portuarias até rutas turísticas pasando por programas gastronómicos e de divulgación da cultura mariñeira. A finalidade dos fondos europeos xestionados polo GALP Ría de Pontevedra é dinamizar o tecido socioeconómico dos territorios da área de influencia da ría, promovendo a profesionalización e a formación do sector.

Toda persoa con algunha idea de negocio a desenvolver no seu territorio pode informarse nas oficinas do GALP situadas no porto de Marín (Departamento de exportadores, 14. Lonxa de Marín.) ou telefonicamente no 886 213 015.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora