Abertas as inscricións para participar na andaina benéfica 'Ruta dos Pobos'

Poio
14 de novembro 2023

Despois de catro anos recupérase esta iniciativa solidaria organizada polo Club Triatlón Poio, na que os asistentes colaboran cun xoguete e cun doce de Nadal

Presentación da andaina solidaria 'Ruta dos Pobos'
Presentación da andaina solidaria 'Ruta dos Pobos' /

O Club Triatlón Poio, en colaboración co Concello de Poio, organiza o 10 de decembro a terceira edición da andaina benéfica 'Ruta dos Pobos'. 

Recuperan así esta iniciativa solidaria, que non se celebra desde 2019, e para a que o prazo de inscrición xa está aberto a través da web triatlonpoio.com ou presencialmente nas oficinas municipais. O prazo para anotarse remata o 7 de decembro.

O custe da inscrición é de 1,5 euros para o seguro de accidentes, e o día da proba, durante a entrega do dorsal, cada participante doará á organización un xoguete novo ou en perfecto estado xunto a un doce de Nadal que, despois, repartirán entre as familias en situación de vulnerabilidade. 

O edil de Deportes, Cándido Muíños, e o delegado da sección deportiva de atletismo do club, Juan Manuel Fernández, que presentaron esta mañá a andaina, convidaron a veciños e visitantes a participar, tanto pola importancia desta iniciativa solidaria como polo grande atractivo do traxecto.

Ademais, a organización recibirá aos participantes cun chocolate quente e con rosca e, ao remate da andaina, a todos se lles entregará unha medalla como recoñecemento e agradecemento pola súa participación. Para as tres primeiras persoas que crucen a meta cos seus dorsais chequeados nos puntos de control establecidos haberá, ademais, cestas de Nadal.

A andaina está organizada en dúas categorías: non competitiva e competitiva e nos dous casos, o traxecto é o mesmo. A categoría competitiva sairá ás 9.00 horas desde A Seca, e entregarase a cada participante un plan do percorrido para que se poidan orientar durante a carreira. Todos e cada un dos participantes da andaina competitiva deberán facer check-in nun mínimo de puntos de control ao longo do traxecto.

A andaina non competitiva sairá unha hora máis tarde, ás 10.00h, e terá o percorrido marcado e con seguimento da organización. 

En ámbolos dous casos, haberá punto de avituallamento durante a andaina.

A idade mínima para anotarse é 5 anos, e ata os 12 anos deberán ir acompañados dos seus pais ou titores. Tamén poden participar mascotas, sempre e cando cumpran cos protocolos actuais de benestar animal.