Aberto ao público o novo parque infantil de Rosalía de Castro

Poio
18 de maio 2023

A actuación incluíu a dotación dunha cuberta, a renovación da superficie e a instalación de novos elementos de xogo para as crianzas

Parque de Rosalía de Castro
Parque de Rosalía de Castro / Concello de Poio

Desde esta semana xa está aberto ao público o novo parque infantil de Rosalía de Castro, emprazado nas proximidades de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, logo de que rematasen os traballos de renovación e mellora destas instalacións. 

A actuación incluíu a dotación dunha cuberta, de xeito que esta zona de esparexemento poida ser utilizada tamén cando as condicións meteorolóxicas non acompañen, en caso de choiva e tamén garantindo sombra en períodos soleados e con altas temperaturas. 

Os traballos financiáronse a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, correspondente á convocatoria de 2022. O orzamento total ascendeu a preto de 180.000 euros.

Esta actuación, que foi executada pola empresa ASAI Ingeniería, serviu para aplicar, a maiores da colocación da cuberta, novos elementos de xogo para crianzas de diferentes idades. As obras comezaron o pasado mes de febreiro e contaban cun prazo de execución de cinco meses. 

A maiores, nos últimos días tamén se procedeu a efectuar reparacións e melloras na área de lecer situada na praza de San Martiño, na parroquia de San Xoán. Alí, o parque infantil pasa a contar cun novo valado de madeira. Reparáronse os aparellos que se precisaban e tamén se actuou na fonte do lugar, ademais de renovar sinalización.