O Concello de Pontevedra abre o prazo de presentación de solicitudes para particulares que queiran organizar unha fogueira de San Xoán. A petición debe presentarse por vía telemática a través da sede electrónica, sede.pontevedra.gal, no Rexistro Xeral do Concello con cita previa ou de forma presencial nas dependencias da Policía Local. O prazo para presentar esta comunicación concluirá ás 13 horas do 18 de xuño.
Do mesmo xeito que ocorreu no 2020 pola situación sanitaria, o Concello non autorizará fogueiras comunitarias que empreguen o espazo público ao entender que non se pode garantir a seguridade e o cumprimento das normas de distancia entre persoas e aforos máximos.
No caso dos particulares, o Concello mantén os protocolos de anos anteriores sobre seguridade, pero este ano matizan que se deben garantir as mediadas sanitarias marcadas pola Xunta.
Para a realización das fogueiras débense cumprir os seguintes requisitos: distancia mínima de 15 metros con respecto a edificacións e árbores, 2 metros de altura máxima e 4 metros de diámetro máximo da zona de combustión, os materiais autorizados para queimar son leña, ramas tocos de árbores e vellos materiais de madeira.
Neste sentido, queda prohibida a queima de elementos como pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais de PVC, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles. Están prohibidas tamén as fogueiras baixo tendidos eléctricos.