Este luns, 3 de marzo, abre o prazo para participar no programa de campamentos da Lanzada de 2025, nos que este ano a Deputación de Pontevedra oferta 1.540 prazas.
Poderán optar a unha praza os nenos e nenas empadroadas na provincia e nados entre os anos 2012 e 2017.
Ata o 21 de marzo poderá solicitarse unha praza para as 11 quendas semanais, de domingo a sábado, que se ofertarán este ano. Haberá 140 prazas en cada quenda entre o 22 de xuño e o 6 de setembro.
Do total de 1.540 prazas ofertadas, 1.330 adxudicaranse polo procedemento xeral, mentres que outras 210 quedarán reservadas para menores en situación ou risco de exclusión.
Neste último caso, a subvención cubre o 100% do gasto, mentres que para os admitidos no procedemento xeral o ente provincial subvenciona 130,93 euros do custo por persoa, polo que as familias só terán que abonar 110 euros e, no caso das familias numerosas e monoparentais, 80 euros por praza.
As prazas adxudicaranse por sorteo mediante un algoritmo informático, no que o ano pasado participaron un total de 3.966 nenos.
A Deputación oferta a través destes campamentos un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza, así como a dinamización e o coñecemento multicultural da contorna.
Tamén se organizarán visitas á illa de Ons e outras excursións relacionadas coa natureza e co coidado do medio, así como o xa tradicional obradoiro para escoller a mascota oficial do programa. A imaxe desta edición dos campamentos é o León Ramón, mascota gañadora de 2024.