Abordan ao alcalde para reclamar que atenda as reivindicacións do persoal municipal

Pontevedra
02 de decembro 2022

No medio dun corredor e tras finalizar unha rolda de prensa. Así abordaron os representantes sindicais dos funcionarios municipais ao alcalde. Fixérono para pedirlle que o goberno local os convoque para a negociación dos orzamentos de 2023

O alcalde, abordado polos funcionarios municipais PontevedraViva

No medio dun corredor e tras finalizar unha rolda de prensa. Así abordaron os representantes sindicais dos funcionarios municipais ao alcalde. Fixérono para pedirlle que o goberno local os convoque para a negociación dos orzamentos de 2023.

"Hai catro semanas que o pedimos", sinalou Héctor Santaló, portavoz sindical, que lamenta que nestes momentos "están a negociarse todas as partidas menos a de persoal".

Sobre a mesa, lembran os sindicatos, o estudo para implantar a nova RPT, deseñada para reorganizar e definir as funcións de cada un dos servizos municipais. 

O obxectivo desta medida, segundo Santaló, é "corrixir as disfuncionalidades" da administración municipal e que, cunha estrutura de 1999, "agora empezan a notarse".

Lembran que o persoal municipal é "escaso" para xestionar o traballo diario do Concello e, ademais, hai numerosas irregularidades en materia de seguridade laboral e prevención, que queren solucionar a través dunha negociación directa.

"Trasladámolo de mil maneiras, por escrito e verbalmente", sostivo o portavoz dos traballadores, que lamentan que "xa non é primeiro ano que a escusa que poñen é que non hai tempo para implementalas" e, por iso, reclaman que se convoque a mesa de negociación.