Abre ao público a nova oficina do ORAL en Sanxenxo

Sanxenxo
04 de novembro 2022

O luns 7 abrirá o servizo de recadación tributaria da Deputación de Pontevedra neste novo espazo situado no número 2 da rúa Viña da Fonte, na esquina coa rúa dos Mariñeiros e a carón do edificio do Concello

Entrada á nova oficina do ORAL en Sanxenxo
Entrada á nova oficina do ORAL en Sanxenxo / Deputación de Pontevedra

Carlos López Font, deputado delegado de Facenda, inauguraba este venres a nova oficina do servizo do ORAL da Deputación en Sanxenxo. 

Este novo especio atópase situado no número 2 da rúa Viña da Fonte, na esquina coa Rúa dos Mariñeiros e nas proximidades do edificio do Concello. A partir do luns 7 atoparanse abertas para atender á cidadanía.

A oficina ofrece 117 metros cadrados e ofrece unha imaxe similar á doutras instalacións de xestión tributaria e recadación de recursos sociais da Deputación de Pontevedra situadas noutros puntos da provincia. O cambio de sede realízase para ofrecer unha xestión máis eficaz e cómoda tanto para o equipo administrativo integrado por tres persoas como para a cidadanía.

Establécense tres mesas de atención ao público, mentres na anterior oficina atendíase de pé. Ademais creouse unha nova zona de espera cunha pantalla con mensaxes corporativas e información tirbutaria. A oficina conta con iluminación LED sostible, ademais de ofrecer unhas instalacións con máis claridade.

Nas anteriores instalacións atendíanse ao ano preto de 5.000 consultas, con servizo de atención presencial para ofrecer respostas a consultas sobre o Imposto sobre Bens Inmobles; o de Actividades Económicas ou o de Vehículos de Tracción Mecánica. Tamén se atenden dúbidas sobre a xestión e recadación en vía voluntaria e executiva de taxas municipais. O persoal detecta principalmente dúbidas sobre a taxa de recollida de lixo en Sanxenxo.

Ao longo do presente ano xestionáronse padróns por un importe superior a dez millóns de euros, na súa maioría procedentes do IBI de natureza urbana. Ademais xestiónase a recadación de concellos que delegaron as súas competencias, principalmente no caso de Meaño e Meis, cun volume de xestión de 1,2 e 1,4 millóns de euros, segundo a información facilitada pola Deputación de Pontevedra.