Abre o prazo para formalizar a matrícula nas escolas infantís públicas

Pontevedra
01 de xuño 2023

O prazo para formalizar a matrícula remata o vindeiro 14 de xuño. O inicio do curso nos centros de 0 a 3 anos da Administración autonómica está fixado para o día 5 de setembro

Comedor escolar nunha escola infantil Mónica Patxot

As familias que solicitaron praza para o vindeiro curso 2023-2024 nas escolas infantís públicas de Galicia poderán formalizar a súa matricula a partir deste xoves 1 de xuño

Así o anunciou este xoves a Xunta de Galicia, que tamén indica que as familias poden consultar as listaxes definitivas de admitidos na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude.

O prazo para formalizar a matrícula remata o vindeiro 14 de xuño.

As familias deberán presentar o impreso de matrícula cos datos debidamente cubertos xunto coa copia da cartilla de vacinación do neno, e facelo a través da sede electrónica da Xunta ou no centro onde obtivera praza.

O inicio do curso nos centros de 0 a 3 anos da Administración autonómica está fixado para o día 5 de setembro.

No curso 2023-2024 a atención educativa será gratuíta para o 100% do alumnado en todas as escolas infantís de Galicia durante oito horas ao día e once meses ao ano, tanto nas que forman parte da rede pública autonómica da Xunta como nas que dependen dos Concellos, nas de iniciativa social e nas privadas.