Ábrese o prazo para solicitar unha das 41 parcelas da Horta Urbana de Conde Bugallal

Pontevedra
26 de maio 2014

Na súa adxudicación terán preferencia as mulleres veciñas de Pontevedra con menores a cargo e con situación socioeconómica vulnerable, acreditada polos servizos sociais. A medida que non se vaian cubrindo as parcelas ofertaranse progresivamente a mulleres do barrio e da súa contorna, a veciños en xeral e por último a calquera persoa empadroada no Concello de Pontevedra, sempre que leve inscrita no municipio un mínimo de seis meses

Horta urbana de Monte Porreiro
Horta urbana de Monte Porreiro /

Hasta el 14 de xuño todas as interesadas en facerse cunha das 41 parcelas nas que está dividida a Horta Urbana de Conde Bugallal poderán facer as súas solicitudes. A Xunta de Goberno aprobou este luns os prazos e a normativa que regulará esta horta comunitaria, situada na coñecida como Finca do Conde e que ten unha superficie total de 1.300 metros cadrados. Ambos documentos estarán publicados no taboleiro e na páxina web do Concello.

Na súa adxudicación terán preferencia as mulleres veciñas de Pontevedra con menores a cargo e con situación socioeconómica vulnerable, acreditada polos servizos sociais. A medida que non se vaian cubrindo as parcelas ofertaranse progresivamente a mulleres do barrio e da súa contorna, a veciños en xeral e por último a calquera persoa empadroada no Concello de Pontevedra, sempre que leve inscrita no municipio un mínimo de seis meses. 

As parcelas, que serán cedidas por un ano ampliable a un máximo de dous, só poderán usarse como horta. Non se permite a plantación de froiteiras, a cría e explotación de calquera animal e a construción de cabanas, pozos ou invernadoiros. As horas de sego estarán previamente estipuladas polo concello e disporán dun depósito de auga para regar a man fora desas horas. En todo caso, o usuario da horta será o responsable do seu mantemento e coidado.

O Concello de Pontevedra será o encargado das funcións técnicas de asesoramento, vixilancia e sanción do correcto uso dos terreos de propiedade municipal afectados por esta normativa. As persoas que non cumpran coas súas obrigas, determinadas polo regulamento municipal, poderán perder a súa parcela, que será entregada a un novo solicitante.

OUTROS ASUNTOS DA XUNTA DE GOBERNO

Ademais, na Xunta de Goberno celebrada este luns aprobouse un prazo de catro meses, entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, para poder solicitar os nichos vacantes nos cemiterios municipais; e aprobouse unha subvención de máis de 24.000 euros á que se poderán acoller as ANPAS dos colexios do municipio para financiar as súas actividades.

En canto a contratación, o goberno local autorizou destinar preto de 600.000 euros para a compra de novos vehículos para o servizo municipal de extinción de incendios. En concreto, incorporaranse ao parque móbil unha furgoneta para o traslado de persoas (72.000 euros), un vehículo de rescate acuático (120.000 euros) e un camión de primeira resposta (400.000 euros). As empresas poderán presentarse unha vez saia publicado no BOP.