Abril trae cor azul a Sanxenxo polo Día Mundial do Autismo

Sanxenxo
31 de marzo 2022

Con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o TEA, a Asociación Neenos Sanxenxo pon en marcha unha serie de actividades durante o venres 1 e sábado 2 de abril, entre as que se atopa instalar distintivos de cor azul nas casas da vila

Actividade da asociación Neenos Sanxenxo, de persoas con autismo
Actividade da asociación Neenos Sanxenxo, de persoas con autismo / Asociación Neenos Sanxenxo

Con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o TEA (trastorno do espectro do autismo), a Asociación Neenos Sanxenxo pon en marcha unha serie de actividades durante o venres 1 e sábado 2 de abril.

A organización invita a toda a cidadanía a vestirse e poñer distintivos de cor azul nas casas como mostra de apoio e o emprego do cancelo #PonteAzul en redes durante ambos días. Tamén se difundirá o 'Decálogo de buen trato a personas TEA' en centros educativos para visibilizar o espectro entre a mocidade.

Durante a xornada do sábado, ás 17:00 horas repartiranse globos azuis e folletos informativos no partido de fútbol feminino entre os equipos Interrías e Olímpico de León, que terá lugar no novo campo de Vilalonga. Así mesmo, realizarase o saque de honra en favor do bo trato ás persoas con autismo.

Máis tarde, ás 19:00 horas, levarase a cabo unha conversa con Rosalinda e Fernando, dúas persoas adultas TEA que informarán sobre como lles repercutiu o trastorno na súa vida en sociedade. O acto acontecerá no local da Asociación situado na Rúa Coruña con acceso libre para toda a poboación interesada.

No perfil de Facebook da Asociación pódese acceder ao manifesto e ao decálogo, así como obter máis información dos eventos.