Unha moza de 20 anos resultou ferida nun accidente de tráfico rexistrado na madrugada deste luns no termo municipal de Cuntis.
O sinistro tivo lugar ás 4:30 horas na estrada N-640, concretamente no punto quilométrico 217,7, á altura da entrada ao polígono industrial da Ran.
Segundo a información facilitada polo Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis, a condutora perdeu o control do vehículo tras quedarse durmida ao volante, o que provocou a saída da vía.
Como consecuencia do accidente, a moza foi trasladada por unha ambulancia do 061 ao Hospital Montecelo, onde recibiu atención médica.
No operativo de emerxencia participaron, ademais do servizo municipal, efectivos da Garda Civil de Tráfico, persoal sanitario do 061 e o servizo de conservación de estradas do Estado, que se encargou de restablecer as condicións da vía tras o incidente.
Polo momento non transcenderon máis detalles sobre o estado de saúde da vítima.
