A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) informou dun accidente de tráfico ocorrido pouco antes das 11 da mañá, en ambos os sentidos da autoestrada AP-9 ao seu paso por Pontevedra.
Houbo quince vehículos implicados, once en sentido norte e catro en sentido sur.
Segundo indicaron, varios particulares alertaron desta colisión provocada polas malas condicións da estrada debido á presenza de xeo na vía tras unha forte granizada.
Varios particulares, entre eles varios dos accidentados, chamaron ao 112 Galicia desde o lugar e alertaron de que acababa de producirse un accidente múltiple aproximadamente entre os quilómetros 126 e 127 da AP-9, en sentido Vigo. Estes mesmos alertadores confirmaron desde o primeiro momento que todas as persoas estaban liberadas e accesibles, pero explicaban que algunha podía precisar asistencia sanitaria.
Case ao mesmo tempo, un dos ocupantes dun dos coches accidentados chamaba e alertaba dun accidente en sentido A Coruña. Neste caso, engadía que tanto el como unha das súas acompañantes estaban feridos.
O accidente produciuse á altura de Alba, ao norte da cidade de Pontevedra.
Ata alí desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias 061, ademais da Garda Civil de Tráfico, Policía Local e servizos de mantemento da vía.
Segundo informou a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao lugar do incidente enviáronse: unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e tres ambulancias asistenciais de soporte vital básico. Foron atendidos nove pacientes, resultando trasladados tres ao Hospital QuirónSalud (un home de 30 anos, unha muller de 43 anos e outro home do que non constan datos) e o resto ao Hospital Montecelo (unha muller de 32 anos, un home de 37 anos , un menor, unha muller de 35 anos, un home de 67 anos e unha muller de 63 anos).
Tráfico tivo que cortar a circulación na autoestrada durante dos horas. Nese tempo os axentes foron desviando os vehículos en sentido A Coruña, mentres que en sentido Vigo permanecía habilitado un dos carrís o que provocou retencións.