Acción de "guerrilla" de Amizade contra os que aparcan "sobre os nosos dereitos"

Pontevedra
12 de abril 2018

Condutores que empregan as prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida para facer os seus recados. Eles foron os destinatarios da "acción de guerrilla" que puxo en marcha a asociación Amizade no barrio de Monte Porreiro

Acción de "guerrilla" de Amizade contra aparcamentos irregulares Asociación Amizade

Condutores que empregan as prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida para facer os seus recados. Eles foron os destinatarios da "acción de guerrilla" que puxo en marcha a asociación Amizade no barrio de Monte Porreiro.

O seu obxectivo era denunciar que boa parte da sociedade "aparca literalmente sobre os nosos dereitos".

Membros do colectivo acudiron ás inmediacións dunha praza de aparcadoiro reservada para persoas con mobilidade reducida, situada en fronte dunha panadería, onde a xente fai uso dela dun xeito "inadecuado".

"Ao falar con eles, todos poñen as mesmas escusas, a máis común, a de coller o pan ou que só son cinco minutos para descargar algunhas mercancías ou que xa saben que non poden parar e non pretendían ofender ou molestar", apuntan desde Amizade.

O certo é que, a pesar das desculpas, a asociación recorda que se trata dunha acción ilegal segundo o código de circulación e, o máis importante, é "inmoral" xa que afecta aos dereitos, neste caso, das persoas con discapacidade.

Amizade buscaba así sensibilizar ao conxunto da sociedade sobre a necesidade de respectar as prazas de aparcadoiro e alertar sobre condutas que impiden ás persoas con discapacidade dispoñer delas e participar autonomamente na circulación viaria.