Este sábado, 11 de xullo, ás 11:00 horas na Praza de Galiza de Vilagarcía de Arousa está convocada unha concentración por parte do Bloque Nacionalista Galego (BNG).
Demandan a devolución da ambulancia medicalizada ao Hospital do Salnés, ademais dunha segunda unidade asistencial para os municipios de Sanxenxo e O Grove durante o período estival cando se incrementa o seu número de habitantes.
A formación política fundamenta esta convocatoria no traslado do vehículo de urxencias con base no Hospital do Salnés cara a Sanxenxo, unha medida que, segundo expoñen, resta protección sanitaria a gran parte dos habitantes da comarca.
O partido sinala que ao longo da semana se produciron situacións de atraso nos tempos de resposta ante avisos de emerxencia en localidades como Vilagarcía de Arousa ou Vilanova de Arousa.
A deputada autonómica Montse Prado detalla tres casos de urxencias médicas nos que o transporte sanitario terrestre acumulou demoras superiores aos trinta minutos ou requiriu derivacións alternativas cara a centros hospitalarios de Santiago de Compostela, dous dos cales concluíron con falecementos por parada cardíaca.
A formación nacionalista sostén que o incremento de poboación que experimentan os concellos turísticos durante o verán debe afrontarse mediante a dotación de novos recursos e non a través do desprazamento dos servizos básicos xa existentes no complexo hospitalario de referencia.
A mobilización desenvolverase baixo o lema "Coa nosa saúde non se xoga".
POSTURA DO PP
O Partido Popular de Vilagarcía de Arousa solicitou formalmente á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que manteña de forma permanente a ambulancia de Soporte Vital Avanzado no municipio durante a tempada estival.
A posición da formación, exposta pola súa portavoz Ana Granja, sostén que a área sanitaria do Salnés debe conservar o cen por cen dos seus servizos activos no verán, argumentando que a atención en Vilagarcía é primordial para a seguridade da comarca.
Os populares avogan por sumar novos reforzos sanitarios para absorber o incremento estival de usuarios, poboación que chega a triplicarse na zona, en lugar de desprazar as dotacións xa existentes.
Solicitan tamén desvincular a asistencia médica de debates partidistas, reclamando que o deseño das coberturas se aborde desde a prudencia, o respecto aos afectados e os criterios exclusivamente técnicos dos profesionais sanitarios.