A área de servizos para autocaravanas de Achadiza, en Bueu, avanza no seu acondicionamento.
Nunha visita á parcela, o alcalde Félix Juncal asegurou que a previsión é poder contar xa a próxima semana coas conexións instaladas do servizo de abastecemento e saneamento de auga, así como co formigonado do firme.
Cabe lembrar que esta parcela, adquirida en 2022 por algo máis de 160.000 euros, consta dunha superficie de 21.161 metros cadros.
Ademais do seu uso de aparcamento e servizo de autocaravanas, explica o rexedor, vai estudar a posibilidade de utilizar parte da superficie destes terreos para a instalación dunha estación electrolinera para dar servizo de carga aos vehículos eléctricos.
Con todo iso daríase impulso a un servizo situado nun lugar que, asegura o Concello, cumpre con todos os condicionantes esixidos para este uso como son un tamaño adecuado, o acceso rodado a unha vía principal facilitando a entrada e saída dos vehículos, a localización nunha zona próxima ao centro urbano pero sen xerar problemas de conxestión do tráfico, e a facilidade de conexión aos servizos de saneamento, abastecemento, electricidade e telefonía.