Acepta dous anos de prisión por abuso sexual a unha menor de idade

Pontevedra
16 de abril 2024

O acusado, un vilagarcián de 70 anos de idade, chegaba a un acordo de conformidade polo que é condenado a dous anos de cárcere por abusos e acepta tamén multas económicas por un delito de coaccións, outro de lesións e un terceiro por exhibicionismo ante menores de idade en abril de 2021

O veciño de Vilagarcía condenado por abuso sexual camiñando por Pontevedra Mónica Patxot

Un home de 70 anos, veciño de Vilagarcía de Arousa, acusado de varios delitos relacionados con menores de idade, chegaba a un acordo de conformidade co Ministerio Fiscal este martes na sección segunda da Audiencia de Pontevedra.

O acusado aceptaba unha pena de dous anos de prisión por abuso sexual a unha menor de idade durante o mes de abril de 2021.

Ao mesmo tempo, aceptaba o pago de multas por outros tres delitos: coaccións, lesións e exhibicionismo diante de menores de idade. As multas son de doce meses a catro euros, prohibición de aproximacións aos domicilios e lugares que frecuenten as tres menores; comunicación con elas por calquera medio; e liberdade vixiada.

Ao longo da mañá, o acusado foi variando a súa opinión en relación a este acordo, que finalmente terminaba asinando para evitar a celebración do xuízo. 

A Fiscalía solicitara inicialmente unha condena de oito anos de prisión como presunto autor de abusos e agresións sexuais nun lugar público.

No escrito acusatorio pedíase un ano de prisión por abuso sexual a unha menor de 13 anos e a outros catro por outro abuso a unha menor de 16. Tamén se demandaba outro ano e medio de prisión por tres delitos de exhibicionismo e 19 meses e 15 días de cárcere por outro de lesións.

A vista oral, que finalmente non chegou a celebrarse ao rexistrarse o acordo este martes, suspendérase en varias ocasións debido á ausencia do acusado, a pesar de ser notificado correctamente.