Achega municipal de 200.000 euros para colaborar na "profesionalización da Banda de Música"

Pontevedra
02 de xuño 2017

O Concello e a Banda de Música de Pontevedra rubricaron este venres un convenio de dous anos de duración polo que a administración local achegará 200.000 euros á formación musical. En contrapartida a Banda participará en actividades organizadas polo Concello e dará un concerto en cada unha das parroquias do municipio

Diego Rosal e Miguel Anxo Fernández Lores
Diego Rosal e Miguel Anxo Fernández Lores / PontevedraViva

O Concello e a Banda de Música de Pontevedra rubricaron este venres un convenio, de dous anos de duración, que axudará á "profesionalización da Banda", recoñeceu Carme da Silva.

En virtude do mesmo a Banda de Música recibirá 200.000 euros da administración local no que supón "o patrocinio máis importante que ten o Concello".

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Sociedade Musical de Pontevedra, Diego Rosal, asinaron o acordo, que supón un incremento do 12% con respecto ao anterior convenio.

Lores declarouse "orgulloso" do traballo que leva a cabo a formación musical, mentres Diego Rosal sinalou que "sabemos que é un esforzo importante" á vez que lembrou a importancia desta axuda, que permite cubrir os gastos da Banda e facer o seu traballo o máis profesional posible.

En contrapestación da cantidade percibida a Banda de Música de Pontevedra participará en actividades organizadas polo Concello e tamén, como novidade, ofrecerá un concerto en cada unha das 17 parroquias do municipio durante as súas festas.