Os achegados de Jonathan S.T., o home de 31 anos que faleceu dun disparo da policía durante unha operación contra o narcotráfico en Cambados negaron que se producira un tiroteo.
"El estaba desarmado e practicamente espido", explicou a súa noiva, Laura, ante os xornalistas, que relatou que os policías lle dispararon "cando se asomou pola porta".
Foi, segundo a súa versión, despois de que os axentes "tirasen abaixo" a porta da súa vivenda, situada na parroquia de Corvillón, cando ambos se atopaban aínda durmindo.
Tras indicar que "do ruído que fixeron asustámonos", a moza afirmou que Jonathan S.T. levantou da cama para pescudar que pasara.
Unha vez recibido o disparo, rememorou Laura, os axentes acudiron a atender ao ferido e chamaron á ambulancia "e a min leváronme para abaixo" dunha forma tan rápida que "case non me deixaron coller unha saba para taparme".
Insistiu en que antes do disparo non houbo ningún enfrontamento coa policía, que tiña unha orde xudicial para rexistrar a vivenda, e que no domicilio "non había ningún tipo de arma de fogo" que el puidese utilizar.
A vítima foi trasladada ao Hospital do Salnés, onde ingresou cunha ferida de bala e faleceu pouco despois, durante as primeiras atencións do equipo asistencial.