Acometen labores de mantemento nos aparcadoiros públicos gratuítos do centro urbano marinense

Marín
24 de maio 2023

Actuouse primeiro en Concepción Arenal e agora estase procedendo a realizar melloras en Inferniño e Ponte Zapal

Labores de mantemento nos aparcadoiros públicos gratuítos
Labores de mantemento nos aparcadoiros públicos gratuítos / Concello de Marín

O Concello de Marín está levando a cabo estes días unha serie de melloras de mantemento nos aparcadoiros públicos gratuítos habilitados coa finalidade de mellorar a ordenación do espazo urbano e facer convivir as necesidades de maior peonalización coas do tráfico rodado e o estacionamento.

Na última semana, estívose traballando no aparcadoiro de Concepción Arenal e nestes días procedeuse coas parcelas de Ponte Zapal e Inferniño. 

O obxectivo é reencher aqueles baches que se foron xerando co uso e o paso do tempo, desbrozar as malas herbas que poida haber, limpar e, en xeral, manter a parcela en perfectas condicións para que poida seguir sendo utilizada de xeito cómodo e eficaz pola cidadanía que deixa o seu vehículo aparcado nelas.

Coa habilitación destas parcelas, o Concello conseguiu crear nos últimos anos 705 prazas novas para aparcar.