Acondicionan o sendeiro da praia de Major coa renovación do valado e da ponte

Sanxenxo
22 de febreiro 2024

Operarios municipais están a traballar xa no acondicionamento do sendeiro da praia de Major, en Sanxenxo, onde se impulsou a renovación do valado perimetral que se atopaba en moi mal estado e da ponte que permite cruzar o río

Obras de renovación da ponte e do valado da praia de Major
Obras de renovación da ponte e do valado da praia de Major / Concello de Sanxenxo

Operarios municipais están a traballar xa no acondicionamento do sendeiro da praia de Major, en Sanxenxo, onde se impulsou a renovación do valado perimetral que se atopaba en moi mal estado e da ponte que permite cruzar o río.

Esta actuación, xunto á rehabilitación dos aseos da praia de Foxos, inclúese dentro dunha subvención dos fondos Next Generation dentro do plan de embelecemento do litoral.

Do custo do proxecto, que ascende a 48.375 euros, o Concello asume tan só 4.837 euros.

A nova ponte será de plástico reciclado, con acabado símil en madeira, composto por vigas encapsuladas de aceiro galvanizado, entarimado de táboa e unha varanda de plástico reciclado antiescalable con pasamanos.

O valado perimetral é tamén de plástico reciclado con acabado símil en madeira, formado por postes verticais reforzados no seu interior con aceiro.

A previsión en que estas obras conclúan a próxima semana.

Ademais, persoal municipal de xardíns está a realizar unha limpeza da contorna, retirando as plantas invasoras próximas ao espazo dunar para evitar que se sigan estendendo.

Con esta subvención tamén se acometerá a reforma e renovación completa dos aseos da praia de Foxos para adaptalos a persoas con mobilidade reducida, que incluirán ademais un cambiador de cueiros, secadores de mans eléctricos e dispensadores de hidrogel.