Acordan convocar dúas prazas de Policía Local en Cuntis neste 2023

Umia
18 de marzo 2023

O goberno local e as centrais sindicais acordaron por unanimidade a convocatoria destas dúas prazas de axente da Policía Local no municipio durante o presente ano para recuperar a súa presenza na vila

Coche da policía local diante do Concello de Cuntis
Coche da policía local diante do Concello de Cuntis / Concello de Cuntis

O goberno local de Cuntis e as centrais sindicais alcanzaron un acordo por unanimidade para convocar dúas prazas de axente da Policía Local no municipio durante este ano.

Manuel Campos, alcalde da vila, sinala que o orzamento municipal xa recollía a existencia de tres prazas, correspondentes a outros tantos policías locais que, anos atrás, prestaron servizo na localidade e que, por diferentes causas, pediron o traslado a outros destinos

Os postos quedaron vacantes e agora o goberno local quere cubrir eses postos. A taxa de reposición só permite a convocatoria de dúas prazas durante este ano e o proceso iniciarase tras este acordo na Mesa de Negociación.

Campos recoñece que este servizos é moi importante para garantir a seguridade da veciñanza e o obxectivo é recuperar a presenza policial no menor tempo posible.