Tras anos de litixios, a Deputación de Pontevedra selou a paz cos comuneiros de Mourente. Ambas as partes chegaron a un acordo para a cesión á institución provincial dos terreos nos que se asenta a cidade infantil de Príncipe Felipe.
A través dun acordo que é "beneficioso para todos", segundo destacou o vicepresidente, Rafa Domínguez, o encargado de dirixir estas negociacións, a Deputación logra a cesión indefinida dunha parcela de case 110.000 metros cadrados.
A cambio, a comunidade de montes de Mourente recibirá anualmente un canon de 84.614 euros.
A Deputación comprométese a destinar esta parcela a usos educativos, culturais, asistenciais ou deportivos de carácter público e terá tamén a capacidade de realizar todas as obras que estime pertinentes para garantir o óptimo estado do complexo.
"Foi un acordo extremadamente complexo e difícil pero sempre houbo lealdade de todas as partes, sen ela non sería posible", subliñou Domínguez, a quen acompañou o presidente provincial, Luís López, na firma deste convenio cos comuneiros.

Carlos Morgade, o seu presidente, quixo agradecer pola súa banda a "sensibilidade" da corporación provincial para poder chegar a este acordo e sostivo que para eles "hoxe é un día moi importante" despois de poder "vencer moitas inercias e problemas técnicos".
"Sempre tivemos a idea de que eran compatibles os nosos dereitos sobre o terreo coas instalacións que levan funcionando desde hai anos e que son unha obra social importante", apuntou o máximo responsable da comunidade de montes.
Tras este entendemento coa comunidade de montes de Mourente, o goberno provincial retirou o recurso de casación que interpuxera no Tribunal Supremo contra as sentenzas que recoñecían a estes comuneiros como titulares da parcela de Príncipe Felipe.
Con este título habilitante xa nas súas mans, Luís López avanzou que a Deputación "seguirá adiante" co seu proxecto para a "mellora constante" de Príncipe Felipe, onde segundo lembrou nestes dous últimos anos investíronse máis de 3,2 millóns de euros.
En carteira están xa investimentos futuros que, por valor doutros 3 millóns, permitirán que as instalacións avancen en materia de eficiencia enerxética.