Tras varias arremetidas entre o Concello e a Deputación, a conta dos investimentos do goberno provincial en Pontevedra, ambas as institucións asinaron unha tregua.
Foi, polo menos por agora, con motivo dos Premios Feroz 2026.
Os responsables de ambos os executivos, Luís López e Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron este luns o convenio polo que a Deputación financiará este evento, que se celebrará o próximo 24 de xaneiro no Pazo da Cultura, con até 300.000 euros.
"Está é unha nova mostra de colaboración tanto no fondo como nas formas", sinalou o presidente provincial, que destacou que este convenio demostra que "en todo o que sexa beneficioso para a cidade de Pontevedra, a Deputación estará".
Esta colaboración, segundo Luís López, "ten que existir pero tamén ten que verse" e, a este respecto, mostrou a súa confianza de que "non será a última", xa que reiterou que "cando falamos de traballar en prol da cidade, vamos todos a unha".

Os Feroz 2026 volverán situar a Pontevedra, subliñou o titular da Deputación, "na elite cultural" de todo o país, algo no que coincidiu o alcalde pontevedrés.
Fernández Lores incidiu na importancia cultural "evidente" dos Feroz, xa que se trata dun evento "que supera calquera barreira xeográfica local ou autonómica".
"Cremos que é necesario, se non imprescindible, que a Deputación colabore neste tipo de eventos", asegurou o alcalde de Pontevedra, que considera que acordos como este "é o camiño" para normalizar as relacións entre ambas as partes.
A este respecto, o rexedor pontevedrés animou ao líder do executivo provincial a manter esta disposición porque reiterou que "é que o camiño que eu defendo e que espero que continue e que mellore no futuro" con máis eventos.
Lores defendeu que "non estamos pedindo causas raras", senón apoio do organismo provincial para eventos que "sobrepasan" a capacidade de Pontevedra e para os que o Concello "sempre vamos pedir máis" porque entenden que "é a nosa obriga".
