Acordo entre feirantes e Concello polas atraccións das festas

Pontevedra
13 de xullo 2016

As festas de Santiaguiño do Burgo e a Peregrina contarán finalmente con todas as atraccións previstas. O Concello de Pontevedra e os feirantes que mostraran a súa oposición ao proceso de adxudicación realizado este ano chegaron a un acordo para que os ambulantes renuncien ao boicot que expuxeran

Instalación das atraccións nas Festas da Peregrina 2015
Instalación das atraccións nas Festas da Peregrina 2015 / Mónica Patxot

As festas de Santiaguiño do Burgo e a Peregrina contarán finalmente con todas as atraccións previstas. O Concello de Pontevedra e os feirantes que mostraran a súa oposición ao proceso de adxudicación realizado este ano chegaron a un acordo para que os ambulantes renuncien ao boicot que expuxeran.

Unha reunión celebrada hai uns días, nos que participaron os edís Vicente García Legísima e Carme Da Silva, logrou resolver o problema.

Os feirantes aceptan as condicións establecidas polo Concello a cambio dunha serie de condicións. A máis importante é que o goberno municipal acepta que as atraccións poidan abrirse o día antes do inicio das festas, o venres 12 de agosto de seis da tarde a doce da noite.

Aprovéitase así que os ambulantes pagan a taxa por ocupar a vía pública xa desde que comezan a montar as atraccións e non desde o día que empeza a feira, polo que recuperan parte do diñeiro investido xa nesa primeira xornada.

Ademais, informóuselles que estaba resolto a subministración eléctrica para as atraccións e se acepta a posibilidade de que, para 2018, poidan adxudicarse por separado as atraccións para as festas de Santiaguiño do Burgo e a Peregrina. 

Os feirantes comprometéronse tamén a achegar, antes do 28 de febreiro de 2017, as suxestións que consideren oportunas para a redacción dos pregos da nova adxudicación, que serán tidas en conta polos técnicos municipais, segundo adiantou a responsable de Festas, Carme da Silva.

A edil do BNG destacou a actitude "positiva" mostrada polo colectivo de ambulantes e asegurou entender as súas reivindicacións porque "é do que viven, é o seu traballo".