As festas de Santiaguiño do Burgo e a Peregrina contarán finalmente con todas as atraccións previstas. O Concello de Pontevedra e os feirantes que mostraran a súa oposición ao proceso de adxudicación realizado este ano chegaron a un acordo para que os ambulantes renuncien ao boicot que expuxeran.
Unha reunión celebrada hai uns días, nos que participaron os edís Vicente García Legísima e Carme Da Silva, logrou resolver o problema.
Os feirantes aceptan as condicións establecidas polo Concello a cambio dunha serie de condicións. A máis importante é que o goberno municipal acepta que as atraccións poidan abrirse o día antes do inicio das festas, o venres 12 de agosto de seis da tarde a doce da noite.
Aprovéitase así que os ambulantes pagan a taxa por ocupar a vía pública xa desde que comezan a montar as atraccións e non desde o día que empeza a feira, polo que recuperan parte do diñeiro investido xa nesa primeira xornada.
Ademais, informóuselles que estaba resolto a subministración eléctrica para as atraccións e se acepta a posibilidade de que, para 2018, poidan adxudicarse por separado as atraccións para as festas de Santiaguiño do Burgo e a Peregrina.
Os feirantes comprometéronse tamén a achegar, antes do 28 de febreiro de 2017, as suxestións que consideren oportunas para a redacción dos pregos da nova adxudicación, que serán tidas en conta polos técnicos municipais, segundo adiantou a responsable de Festas, Carme da Silva.
A edil do BNG destacou a actitude "positiva" mostrada polo colectivo de ambulantes e asegurou entender as súas reivindicacións porque "é do que viven, é o seu traballo".