Acordo para que o transporte público de Pontevedra se active o 1 de setembro

Pontevedra
23 de xullo 2021

A partir do 1 de setembro estarán operativas as dúas novas liñas circulares de transporte público que haberá en Pontevedra. Así o acordaron a Xunta de Galicia e o Concello, tras a firma do convenio para asumir entre ambos as bonificacións que terán os usuarios

Autobús de transporte público
Autobús de transporte público / Mónica Patxot

A partir do 1 de setembro estarán operativas as dúas novas liñas circulares de transporte público que haberá en Pontevedra. Así o acordaron a Xunta de Galicia e o Concello, tras a firma do convenio para asumir entre ambos as bonificacións que terán os usuarios.

O convenio foi rubricado este venres por vía telemática pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Haberá, como xa se anunciou, dúas liñas circulares que pasarán cada media hora por cada unha das paradas. Son as liñas Monte Porreiro - A Xunqueira - estación de autobuses e Monte Porreiro - Montecelo - Praza de Galicia.

Os itinerarios destas liñas cubrirán todo o perímetro da cidade, unindo todos os puntos de atracción peonil, entre eles centros sanitarios, administrativos, deportivos, culturais e educativos, entre eles o campus universitario da Xunqueira.

Estas dúas liñas substituirán aos dous contratos actuais de transporte interurbano, aumentando as frecuencias e a lonxitude dos percorridos. 

O convenio entre a Xunta e o Concello permitirá bonificar, como mínimo, 0,50 euros en todas as viaxes internas por Pontevedra, o que implica que nos traxectos con orixe e destino no termo municipal o prezo do billete pasará de 1,35 a 0,85 euros.

Para iso, iso si, deberase pagar coa tarxeta de transporte público da Xunta. En caso de abonar o billete en efectivo, o custo será de 1,50 euros.

Tamén se bonificarán integramente todos os transbordos realizados nestes percorridos. 

Estes descontos sumaranse aos que a administración autonómica xa realiza para usuarios recorrentes ou para os menores de 21 anos, que viaxan gratis coa tarxeta Xente Nova.

O acordo para financiar o transporte público de Pontevedra estará vixente ata o 31 de decembro de 2024.