Acordo político para regular os plenos a partir de setembro

Pontevedra
17 de xullo 2017

Tras meses de idas e vindas, os cinco partidos con presenza na corporación municipal de Pontevedra chegaron a un acordo para modificar o regulamento do pleno. Aplicarase a partir de setembro

Xunta de voceiros do Concello de Pontevedra
Xunta de voceiros do Concello de Pontevedra / Cristina Saiz

Tras meses de idas e vindas, os cinco partidos con presenza na corporación municipal de Pontevedra chegaron a un acordo para modificar o regulamento do pleno. Aplicarase a partir de setembro.

Segundo explicou o alcalde tras a xunta de portavoces, as sesións plenarias pasarán a celebrarse os antepenúltimos venres de cada mes, a partir das 10.30 horas.

Limitarase o número de mocións, seguindo un criterio de proporcionalidade. Así, tanto BNG como PP poderán presentar tres iniciativas, mentres que Marea, PSdeG-PSOE e Cidadáns un máximo de dous.

Tamén se regulará o tempo das intervencións. O relator terá sete minutos para explicar a súa moción e o resto de grupos catro minutos para a súa primeira intervención. A partir de aí, outros tres minutos para quen propón a moción, dous minutos de réplica para cada partido e unha intervención final de dous minutos do relator completarán o debate.

A corporación tamén acordou que este ano non haxa pleno en agosto.

A sesión correspondente a xullo celebrarase este xoves 20 de xullo, ás 11.00 horas.

Nela, o BNG presentará unha moción para pedir á Xunta medidas de acougado de tráfico na PO-223 en Lérez e Xeve; mentres que o PP pedirá que se licite a cafetería do pavillón municipal, que se cumpra a lei de transparencia e solicitará a entrada de Pontevedra na rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

Marea, pola súa banda, solicita a mellora da accesibilidade no pavillón municipal; o PSdeG-PSOE a redacción dunha nova ordenanza de vaos e obras de reforma urbana en Campolongo Sur e Cidadáns regular a transparencia nos contratos menores do Concello.