Acrobacias aéreas e música para amenizar a Festa das Uvas en Vilagarcía

O Salnés
28 de decembro 2023

Un ano máis, como marca a tradición, Vilagarcía adiantarase á toma das uvas da Noitevella. Será ás doce do mediodía na Praza de Ravella. Desta vez, ao caer en domingo, o Concello agarda aínda moita máis afluencia de xente que o que é costume

Toma adiantada das uvas en Vilagarcía
Toma adiantada das uvas en Vilagarcía

Un ano máis, como marca a tradición, Vilagarcía adiantarase á toma das uvas da Noitevella. Será ás doce do mediodía na Praza de Ravella. Desta vez, ao caer en domingo, o Concello agarda aínda moita máis afluencia de xente que o que é costume.

Así, están preparados 350 quilos de uvas que se repartirán en bolsiñas de ración coas doce uvas, 420 botellas de cava que se servirá en vaso para o brinde e unhas 1.500 bolsiñas de gominolas.

O reparto das uvas, do cava e das gominolas comezará ás 11 da mañá, con tempo suficiente para que os asistentes vaian facendo provisión dos ingredientes necesarios para recibir ao 2024. Para facilitar a súa distribución, instalaranse tres postos nos xardíns de Ravella.

A música da discoteca móbil e a animación do presentador Fran Rey irán quentando o ambiente ata as 11.40 horas, cando dea comezo o espectáculo de acrobacias aéreas que ofrecerá a compañía Desastronauts.

Dez minutos antes das doce do mediodía o presentador volverá a tomar as rendas da festa para ir explicando ao público como se vai desenvolver a conta atrás, co aviso dos cuartos que precederán ás 12 badaladas que soarán dende o reloxo do consistorio.

Tras o brinde, as felicitacións, os abrazos e o confeti, volverán as espectaculares acrobacias de Desatronauts, continuará a animación e, finalmente terá lugar o concerto do grupo Somoza Trío, que se prolongará ata as 13.30 horas.