O Concello de Marín iniciou unha serie de intervencións nos viais de titularidade municipal co obxectivo de reparar os danos causados polos temporais de inverno no firme.
A Brigada de Obras executa nestes días labores de bacheo nas zonas que presentan maiores deformacións e socavóns, tanto no núcleo urbano como nas parroquias, para restaurar as condicións de seguridade viaria.
Ata o momento, os operarios municipais actuaron en puntos como a Praza do Regueiro, a contorna da pista de tenis do Pavillón da Raña, o Camiño do Peso e a pista de Viñas Blancas que conecta o cemiterio cos centros educativos.
Realizáronse tamén traballos no vial que une A Cañota con Souto de Carragal, na zona da Sagrada Familia e na rúa Araujo Escribano, en Seixo.
A planificación prevista para as vindeiras xornadas inclúe intervencións na Pista de Gaibas, na estrada entre Pastoriza e Picotes, na zona da Teoira e nas rúas Exército e Marina e Tiro Naval Janer.
De forma paralela a estas tarefas de urxencia, o goberno local traballa na elaboración dunha memoria técnica que recolle aquelas vías onde o deterioro do pavimento é máis profundo.
Nestes casos, os servizos municipais determinaron que o bacheo puntual resulta insuficiente, polo que se optará por realizar asfaltados en quente en panos de maior extensión.
Unha vez finalizada a relación de viais afectados e fixadas as prioridades de actuación, o Concello procederá á contratación externa destes traballos para garantir unha reparación máis duradeira.
A administración local precisou que estas actuacións se circunscriben exclusivamente ás vías de competencia municipal.
En todo caso, o Concello trasladou tamén requirimentos á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra para que realicen labores de mantemento nos viais da súa propiedade que discorren polo municipio e que presentan deficiencias, como é o caso da rúa Jaime Janer.
Reclaman que estas administracións titulares doutras vías actúen coa maior brevidade para completar a mellora das infraestruturas de comunicación en Marín.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.