A XXV edición do Medio Maratón de Pontevedra afectará durante o vindeiro domingo 18 de outubro á circulación na cidade, polo que a Policía Local elaborou un plan especial de tráfico.
Ao tratarse nesta ocasión dunha carreira limitada en participación, non transcorrerá como era costume polo centro da localidade, o que facilita o labor das forzas de seguridade e reduce as molestias aos veciños.
Segundo trasladou a Policía Local despois dunha reunión con Protección Civil, Servizo Municipal de Deportes do Concello, Sociedade Ximnástica, servizos médicos e empresas colaboradoras, o Medio Maratón afectará á zona norte da cidade entre a ponte de As Correntes e a praia fluvial.
Serán varias as rúas afectadas polo corte de circulación, empezando ás 6.15 horas da mañá con Xosé Malvar (sentido Loureiro Crespo-ponte dos Tirantes) e a Avenida de Bos Aires. Ademais ás 7.00 horas estenderase ao tramo entre a ponte das Palabras (Monte Porreiro) e a ponte dos Tirantes en ambos os sentidos.
A partir das 8.00 horas non se poderá circular desde a ponte dos Tirantes ata As Correntes, pero si no sentido contrario, o máis afastado do río.
Os cortes afectarán por último á Avenida de Compostela no tramo entre Alexandre Bóveda e a Avenida de Bos Aires, á zona do Recinto Feiral, Alexandre Bóveda, Rafael Areses, campus universitario e Celso Emilio Ferreiro, a partir das 7.30 horas da mañá.
Os vehículos estacionados ao longo do percorrido non poderán moverse entre as 8.30 e as 13.00 horas, momento no que quedará restablecida a circulación segundo a previsión das autoridades.