Ata 240 corredores concentráronse durante a mañá deste domingo para disputar a vixésima quinta edición do Medio Maratón de Pontevedra, primeira carreira de atletismo en ruta de Galicia e primeira competición que se organiza en España na distancia do medio maratón despois da corentena.
A carreira comezou a partir das 9:00 horas na rúa José Malvar en dirección á Illa das Esculturas, pasando polo campus universitario e afastándose do centro urbano, cumprindo así co estrito protocolo de seguridade.
Os atletas saíron de dous en dous con 20 segundos de diferenza e ordenados segundo a marca que puxeron no momento de inscribirse e, por diante, dúas voltas de 10,5 quilómetros ao circuíto.
Alejandro Fernández (Ourense Atletismo) foi o que atravesou a liña de meta en primeiro lugar cun tempo de 1:06:26, seguido de Álvaro Prieto del Mile Club (1:06:52) e Anxo Castro (1:08:09), o atleta de Melide que fora o campión na anterior edición.
En categoría feminina, Edymar Brea (Ada Calvía) foi a campioa, completando a carreira en 1:16:43. Mercedes Pila cruzou a meta en 1:19:43 e Sara Castillo (Trinorth) foi terceira a case 8 minutos da gañadora (1:24:00).
A entrega de premios estivo presidida polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e a presidenta da Sociedade Gimnástica, Charo Castro.
Consulta aquí os resultados completos da XXV edición do Medio Maratón de Pontevedra.