Ouro para Antía e prata para Daniel Chamosa no Campionato Galego de Marcha en Pista

Pontevedra
23 de novembro 2020

Os irmáns Chamosa triunfaron este domingo no Campionato de Galicia de Marcha en Pista celebrado no  CGTD. Antía fíxose coa medalla de ouro e Daniel coa prata ao ser penalizado a falta de 500 metros para chegar á meta

 XVIII Campeonato Galego de Marcha en Pista
XVIII Campeonato Galego de Marcha en Pista / Cristina Saiz

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolleu este domingo a partir das 9:45 horas o Campionato de Galicia de Marcha en Pista coa presenza dun centenar de marchadores.

Entre eles atopábase Antía Chamosa. A atleta da Ximnástica internacional e campioa de España de aire libre na modalidade igualou no palmarés a Eva Iglesias coa vitoria desta fin de semana. En postos de medalla tamén entraron Eva Rivas do Ría Ferrol e Alba Pérez do A. Negreira respectivamente.

Na categoría absoluta masculina saltou a sorpresa co triunfo do subcampión Mundial máster, Juan Manuel Morais, que se impuxo ao favorito Daniel Chamosa despois de que o pontevedrés, que encabezaba comodamente a proba a falta de pouco menos de 500 metros, fóra penalizado na zona de pit lane. En segundo lugar chegou o atleta da Ximnástica e en terceiro Hugo Martínez, do Lucus Caixa Rural Galega.

En sub18 María Aboy (C.A. Cuntis) e Ismael Díaz (C.A.Sada) fixéronse coa medalla de ouro; en sub16 foron Oleksandra Kostenko (Atlética Lucense) e Pablo Sánchez (A. Lucense); en sub14 Claudia Sufuentes (A.Lucense) e Andrés González (R. C. Celta); en sub12 Sabela Castelo (Vila de Cangas) e Anxo Jamardo (S.Ximnástica); en sub10 Lola López (Ourense Atletismo) e Antón Díaz (A. Narón); en Máster 40 Mónica Figueiro (A.Ría de Arousa) e Juan Manuel Morais (Marineda A.) e en Máster45 María Emilia Rodríguez (Trega) e Manuel Polo (A. Narón).

Antes do inicio do campionato, a organización gardou un minuto de silencio en memoria do primeiro medallista olímpico do atletismo español, Jordi Llopart; e do adestrador lucense Mariano Castiñeira.