O dobre reto europeo de Antía Chamosa

Pontevedra
23 de marzo 2021

A marchadora pontevedresa, obxecto este martes dunha recepción oficial na Deputación, prepárase para debutar o próximo mes de maio nun Campionato de Europa Absoluto, participando na proba dos 35 quilómetros

Recepción a Antía Chamosa na Deputación de Pontevedra
Recepción a Antía Chamosa na Deputación de Pontevedra / PontevedraViva

O seu recente triunfo no Campionato de España Sub-23 nos 20 quilómetros marcha, unido ao récord nacional da categoría conseguido na distancia longa de 35 quilómetros, supuxeron un paso máis nas últimas semanas dentro da gran progresión de Antía Chamosa.

A atleta pontevedresa da Gimnástica pensa xa nos seus próximos obxectivos, que pasan por un dobre reto europeo.

No mes de maio debutará nunha proba internacional absoluta participando no Campionato de Europa que se celebrará na República Checa, neste caso nos 35 quilómetros. "Intentaré quedar lo mejor posible, pero es mi primera competición internacional absoluta y es una distancia muy larga además", recoñece Chamosa sinalando que probar a longa distancia "me ha gustado bastante".

A pesar diso é na disciplina dos 20 quilómetros onde ten  depositidas este ano máis esperanzas, concretamente no Europeo da categoría Sub-23 que terá lugar en Noruega no mes de xullo. "Me gustaría intentar conseguir un podio", afirma sen medo a pontevedresa.

Para iso todo ánimo e apoio suma, e iso recibiu este martes cunha recepción oficial na Deputación de Pontevedra, á que acudiu en compañía da presidenta da Gimnástica, Charo Castro, e onde a presidenta provincial Carmela Silva recoñeceu estar "orgullosa" dos resultados conseguidos por Antía "especialmente nun ano tan complicado", desexando que eses éxitos teñan continuidade máis pronto que tarde.