Foi queimando etapas paso a paso, e agora chega o último deses chanzos, representar a España por primeira vez na categoría absoluta.
É o que fará o vindeiro domingo 16 de maio Antía Chamosa, debutando como internacional absoluta na Copa de Europa de Marcha que se celebra na localidade checa de Podebrady.
A atleta pontevedresa da Gimnástica participará na distancia longa, de 35 quilómetros, a partir das 8.00 horas, unha proba na que se estreou esta tempada no nacional asinando o récord de España sub-23 cun tempo de 2 horas, 58 minutos e 22 segundos.
"Tentarei quedar o mellor posible, pero é a miña primeira competición internacional absoluta e é unha distancia moi larga ademais", recoñeceu Chamosa a PontevedraViva recentemente tras ser recibida na Deputación.
Será unha oportunidade de volver probarse coa meta de rebaixar aínda máis a súa marca, aínda que o verdadeiro obxectivo a medio prazo é realmente o Campionato de Europa Sub-23 que se celebrará proximamente en Noruega onde competirá nos 20 quilómetros e no que "me gustaría tentar conseguir un podio".
No que respecta a a Copa de Europa, na República Checa participará tamén outra representante española, Mar Juárez, pero ao ser só dúas as deportistas nacionais non poderán optar á clasificación por equipos.