Activan un plan especial de aparcamento en Combarro pola ponte festiva

Poio
10 de outubro 2023

O goberno local quere evitar que se repita o colapso que provocaron os autobuses tanto en Combarro como na zona da Canteira

A concelleira de Seguridade Cidadá e o xefe da Policía Local na zona de aparcadoiros de Combarro
A concelleira de Seguridade Cidadá e o xefe da Policía Local na zona de aparcadoiros de Combarro / Concello de Poio

O Concello de Poio activa desde este mércores un plan especial de estacionamento en Combarro en previsión da afluencia de visitantes que se prevé para esta fin de semana, coincidindo coa ponte festiva do 12 de outubro. 

Desde a concellería de Seguridade Cidadá, Maritxe González, explica que para dar resposta ao importante número de excursións que se esperan estes días, vaise autorizar o estacionamento de autobuses nunha zona habilitada temporalmente entre os portos deportivo e pesqueiro. 

Esta medida durará ata o domingo pola noite e con ela o goberno local quere evitar que se repita o colapso que provocaron os autobuses tanto en Combarro como na zona da Canteira nos últimos anos.

Estas medidas comezarán a funcionar desde o mércores pola tarde, na que os turismos poderán aparcar nos aparcadoiros disuasorios así como no porto pesqueiro, tal e como se fixo durante os meses de verán. 

O Concello de Poio volveu a acordar cos bateeiros e a confraría o uso da explanada do porto da Canteira durante estes días, para aliviar o tráfico e o estacionamento nesta zona. 

As condicións e horarios serán os mesmos que durante o verán, no que os turismos poden aparcar durante tres horas máximo, para garantir a rotación e evitar que un mesmo coche estea varios días estacionado no mesmo lugar.